RAPAPAWN
Rapapawn é o estudio de animación experimental formado polos artistas Cynthia Alfonso e Óscar Raña, que comezaron a traballar xuntos en 2017 e desde entón non deixaron de desenvolver un universo creativo propio que se expande entre o cómic, a animación, a pintura e a instalación.
O núcleo do seu traballo común reside precisamente en Rapapawn, un espazo no que investigan as posibilidades da abstracción xeométrica aplicada á animación fotograma a fotograma. As súas obras caracterízanse pola creación de estruturas visuais dinámicas nas que dialogan forma, ritmo, liña e cor, combinadas con engrenaxes conceptuais que reforzan a súa singular imaxinería. O resultado é unha animación con forte personalidade, profundamente autoral e recoñecida pola súa capacidade para xerar movementos e pulsacións visuais únicas.
Ao longo da súa traxectoria colaboraron con artistas musicais de referencia internacional, como Holy Fuck, Dan Deaconou Altin Gün, e desenvolveron proxectos para compañías e plataformas como WeTransfer, Bandcamp, The New York Times, MOOG ou Givenchy, ademais de participar en festivais e eventos como Best Kept Secret (Países Baixos), Animario (Madrid) ou Curtocircuito (Santiago de Compostela).
O seu traballo expositivo puido verse en espazos como Mountain Analogue (Seattle) ou Sala Equis (Madrid), así como en mostras colectivas de prestixio, entre elas DEMO – It’s Nice That (Ámsterdam) e Narcohumanisme (Bòlit, Girona). Tamén exhibiron en cidades como Santiago de Compostela, Vigo, Oporto ou París, consolidando unha presenza internacional en continuo crecemento.
A súa obra videográfica recibiu recoñecementos como o ASME Awards — Best Digital Illustration polo seu traballo para The Marshall Project, así como o premio á Mellor Animación no festival Kinomural (Polonia), entre outros. Estes galardóns avalan un percurso artístico sólido, innovador e altamente influínte dentro da animación independente europea.
Rapapawn representa unha das propostas máis vibrantes e contemporáneas da animación indie actual: un diálogo constante entre arte, deseño, ritmo e abstracción que redefine o potencial expresivo da animación experimental.
- Foco Indie
Cynthia Alfonso
Autora, deseñadora gráfica e cofundadora xunto con Óscar Raña do estudio de animación experimental RAPAPAWN.
A título persoal, traballou en proxectos para Apple, Snapchat, WeTransfer, TNYT, Figma, Dept ou Spotify, este último para rememorar os 50 anos do disco Abbey Road de The Beatles. Destacan os seus traballos en deseño e animación para bandas coma Holy Fuck ou The Strokes, entre outros.
A súa obra editorial, tanto os títulos autoeditados (Taiga, Fenómeno, Fondo ou Fuxir do centro) coma os editados por Image Comics, Fantagraphics, ColdCube, Kiblind, Fosfatina, Último Mono ou Actual Source, aparecen no arquivo de Printed Matter.
O seu traballo estivo presente en múltiples feiras de autoedición, destacando Art Book Fair (MOCA e MoMA), Sprint Milano (Milán), Fanzines Festival (París) ou IF Festival (Lyon).
O seu proxecto expositivo puido verse en cidades coma Madrid, París ou Ámsterdam, destacando Unha leira de millo, exposición xunto con Óscar Raña no Espazo SVT de arte en Vigo, nominada aos Premios da Crítica de Galicia no ano 2023.
- Xurado do Festival