RADAR GALICIA
O Foco Galicia pon en valor o presente e o futuro da animación galega, destacando, por unha banda, o talento emerxente —tanto local como da comunidade— e, por outra, o traballo de profesionais xa consolidados que están a situar Galicia como un dos territorios máis dinámicos e innovadores da animación a nivel estatal e internacional.
Nesta edición, o foco estrutúrase arredor de dúas propostas complementarias: por unha banda, o concurso Talento Novo, dirixido ás novas xeracións de estudantes e que este ano abre a súa convocatoria a todo o territorio galego; e, por outra, a proxección de Decorado, de Alberto Vázquez, unha das longametraxes galegas máis esperadas e celebradas da tempada.
CONCURSO TALENTO NOVO
Convocatoria dirixida a estudantes maiores de 18 anos que estean a cursar estudos no ámbito artístico, audiovisual ou da animación, así como a persoas graduadas nestas disciplinas no ano 2025. O centro educativo deberá estar localizado en Galicia. Neste 2026, o concurso abre a súa convocatoria a todo o territorio galego.
A iniciativa busca fomentar a creación, impulsar ás novas xeracións e visibilizar o talento emerxente nun espazo profesional e de exhibición.
Proxección especial + coloquio posterior co director
>> Mércores 11 de marzo ás 20:30h – Decorado
Alberto Vázquez | 89 min | España | 2025 | +16
Decorado é unha longametraxe de animación que combina sátira, surrealismo e humor negro para mergullarnos nunha realidade inquietante e absurda. O filme segue a Arnold, un rato de mediana idade atrapado nunha crise existencial. A súa vida cotiá —a súa parella, o seu traballo, a súa cidade— comeza a parecerlle unha enorme farsa, como se todo fose parte dun decorado perfectamente construído. Cando o seu mellor amigo morre en circunstancias sospeitosas, Arnold inicia unha fuxida desesperada en busca de algo que se asemelle á liberdade.
Con este filme, Alberto Vázquez —autor de Psiconautas e Unicorn Wars— ofrece unha fábula poderosa sobre o control social, o artificio da vida e a fragilidade das nosas certezas. Cun estilo visual contundente e unha narrativa tan provocadora como poética, Decorado sitúase como unha das obras galegas e nacioanis máis destacadas da animación contemporánea.
Desde a súa estrea, Decorado consolidouse como unha das películas de animación máis destacadas do panorama recente, avalada pola súa presenza nos principais premios e festivais. No 58 Festival Internacional de Cinema de Catalunya – Sitges 2025 foi nomeada a Mellor Película e Mellor Longametraxe de Animación. Ademais, alzouse co Premio Forqué 2025 á Mellor Longametraxe de Animación e obtivo a nomeación a Mellor Comedia nos Premios Feroz 2026, confirmando o seu impacto tanto a nivel crítico como industrial. Un percorrido de recoñecementos que acaba de comezar e que previsiblemente seguirá sumando novos galardóns ao longo de 2026.