Isabel Herguera (San Sebastián, 1961) é unha animadora, directora e produtora de animación española, autora de varias curtametraxes como La gallina ciega (2005), Ámár (2010), Bajo la almohada (2012) e Amore d’inverno (2015), entre outras. Recibiu o Premio Unicef de Curtametraxes e Documentais por Bajo la almohada.
Na súa traxectoria profesional, é destacable a súa etapa como directora da Mostra Internacional de Cinema d’Animació de Catalunya (ANIMAC), labor que desempeñou entre 2003 e 2011. Baixo a súa dirección, o certame recibiu o Premio Nacional do Audiovisual outorgado polo Consell Nacional de la Cultura i de les Arts (CoNCA).
Alterna a actividade de realización coa docencia. Coordinou o Laboratorio de Imaxe en Movemento en Arteleku (Donostia). Tamén foi profesora na China Academy of Fine Arts (CAFA) de Pequín e no National Institute of Design (NID) en Ahmedabad (India). Dende 2017 é profesora de animación na Kunsthochschule für Medien Köln (Alemaña).
Actualmente, está desenvolvendo a súa primeira longametraxe de animación: El sueño de la Sultana. A súa historia ten como fundamento o traballo con diversos grupos de mulleres na India, inspirándose no clásico homónimo da literatura de ciencia ficción feminista.
Isabel Herguera forma parte do xurado desta primeira edición do festival. Asemade, recibirá o galardón ACTIVISMO NA ANIMACIÓN en recoñecemento á súa práctica docente e á súa implicación social con colectivos vulnerables ou desfavorecidos.