FOCO INDIE

Celebración da animación independente contemporánea

Nesta edición, IMAXINARIA pon o foco na creación máis rebelde, fresca e experimental da animación actual. Un espazo que explora o traballo de creadoras e creadores que operan desde a independencia, o risco e a liberdade total, á marxe das lóxicas industriais e próximos a novos modos de producir, difundir e relacionarse co público.

Nun momento no que a animación vive unha eclosión de voces diversas e formatos non convencionais, Foco Indie quere destacar o valor dun tipo de creación que se move entre o underground, a cultura dixital e a autoedición; un territorio no que a autoría emerxe con forza e onde a estética, a narrativa e o humor aparecen profundamente atravesados pola identidade persoal dos seus autores e autoras.

>> venres 13 DE MARZO ÁS 18:30H

Cedida por Rafillo

RAFILLO

Rafillo, nome artístico de Rafael Esteban Trujillo, é un animador e creador español que logrou destacar por un estilo propio, irreverente e impactante. A súa capacidade para combinar humor, subversión e a estética da animación converteuno nun referente das redes e dos novos públicos do medio.

Oriúndo de Almería, Rafillo acadou popularidade grazas á publicación das súas pezas animadas nas plataformas dixitais, entre as que destaca a súa webserie Querida Conchi — unha comedia bizarra sobre a vida dun matrimonio de persoas maiores — que chamou a atención ata de canles internacionais como Cartoon Network (Adult Swim) e Fox.

O valor de Rafillo transcende o humor: as súas creacións caracterízanse por unha voz auténtica, unha estética atrevida e unha capacidade para xerar impacto emocional a través da animación, empregando linguaxes visuais pouco convencionais e unha sensibilidade marxinal.

Co seu traballo, Rafillo representa unha nova xeración de animadores/as que mesturan cultura internet, contracultura e cómic/animación tradicional, abrindo camiño a unha animación alternativa, crítica e moi persoal.

Querida Conchi

Rafillo  |  10 min  | España  |  2020  |  +14

Querida Conchi é unha webserie de comedia bizarra que segue a vida dun matrimonio de anciáns na súa casa. A súa é unha mestura epiléptica de referencias a personaxes e películas cun humor ao máis puro estilo da cultura meme. O seu creador, o almeriense Rafael Esteban Trujillo, conseguiu facerse un oco nas redes sociais grazas a pezas animadas dunha orixinalidade desbordante. Esta serie e outras animacións chamaron a atención de canles de televisión norteamericanas como Cartoon Network (Adult Swim) e Fox.

Cedida por Alex Rey

ALEX REY

Alex Rey é director de cinema de animación, guionista e deseñador. Formouse na EASDA (Escola de Arte e Deseño) e na EISV (Vigo) como realizador de cine e televisión. Desde entón, orientou a súa carreira cara á animación de autor, desenvolvendo un estilo propio baseado na experimentación, a liberdade creativa e unha estética artesanal. Combina sátira, humor absurdo e crítica social, empregando técnicas mixtas —debuxo manual, animación 2D e animación limitada— e construíndo un universo visual persoal.

Na súa traxectoria destacan varios curtametraxes, entre eles La increíble vacuna del Doctor Dickinson (2020), Phonorama (2022) e Periquitos (2024), obras que reflicten o seu interese por relatos absurdos, situacións límite e unha ollada irónica sobre a realidade. Nos últimos anos acadou numerosas seleccións e varios premios en festivais de prestixio, como o NotodofilmFest e o Festival de Cine de Málaga, reforzando a súa presenza no panorama estatal da animación independente. En 2025 obtivo un novo recoñecemento destacado: o seu curtametraxe Pobre Marciano foi premiado en Ottawa, un logro recente que demostra o alcance internacional da súa proposta creativa.

Na pasada edición de IMAXINARIA recibiu o Premio do Público pola súa obra Periquitos.

Antitermitas

Alex Rey  |  8 min  | España  |  2026  |  +12

Unha visita rutineira ao médico pode amargarche a mañá…

Cedida por Rapapawn

RAPAPAWN

Rapapawn é o estudio de animación experimental formado polos artistas Cynthia Alfonso e Óscar Raña, que comezaron a traballar xuntos en 2017 e desde entón non deixaron de desenvolver un universo creativo propio que se expande entre o cómic, a animación, a pintura e a instalación.

O núcleo do seu traballo común reside precisamente en Rapapawn, un espazo no que investigan as posibilidades da abstracción xeométrica aplicada á animación fotograma a fotograma. As súas obras caracterízanse pola creación de estruturas visuais dinámicas nas que dialogan forma, ritmo, liña e cor, combinadas con engrenaxes conceptuais que reforzan a súa singular imaxinería. O resultado é unha animación con forte personalidade, profundamente autoral e recoñecida pola súa capacidade para xerar movementos e pulsacións visuais únicas.

Ao longo da súa traxectoria colaboraron con artistas musicais de referencia internacional, como Holy Fuck, Dan Deaconou Altin Gün, e desenvolveron proxectos para compañías e plataformas como WeTransfer, Bandcamp, The New York Times, MOOG ou Givenchy, ademais de participar en festivais e eventos como Best Kept Secret (Países Baixos), Animario (Madrid) ou Curtocircuito (Santiago de Compostela).

O seu traballo expositivo puido verse en espazos como Mountain Analogue (Seattle) ou Sala Equis (Madrid), así como en mostras colectivas de prestixio, entre elas DEMO – It’s Nice That (Ámsterdam) e Narcohumanisme (Bòlit, Girona). Tamén exhibiron en cidades como Santiago de Compostela, Vigo, Oporto ou París, consolidando unha presenza internacional en continuo crecemento.

A súa obra videográfica recibiu recoñecementos como o ASME Awards — Best Digital Illustration polo seu traballo para The Marshall Project, así como o premio á Mellor Animación no festival Kinomural (Polonia), entre outros. Estes galardóns avalan un percurso artístico sólido, innovador e altamente influínte dentro da animación independente europea.

Rapapawn representa unha das propostas máis vibrantes e contemporáneas da animación indie actual: un diálogo constante entre arte, deseño, ritmo e abstracción que redefine o potencial expresivo da animación experimental.

La Maison Du Bonheur

Rapapawn  |  3 min  | España / Galicia  |  2026  |  TP

Videoclip realizado (animación) por Rapapawn para Mundo Prestigio

Cedida por Giovanna Lopalco

Giovanna Lopalco

Giovanna Lopalco (1982) é unha ilustradora, deseñadora de fondos e directora italiana.

Desde 2009 traballa como background artist. Entre os proxectos nos que participou atópanse Unicorn Wars, Sangre de Unicornio, Psiconautas, The Forgotten Children, Decorado (Alberto Vázquez), Kérity, la maison des contes, Pinocchio(Enzo d’Alò) e Ethel and Ernest (Raymond Briggs), entre outros. A súa primeira curtametraxe como directora, Season (2019), foi coproducido con Insolence Productions (Francia).

Vive en Galicia, na Coruña, desde 2011, onde continúa creando, investigando e medrando como artista. Pelo di Cane é unha especie de alter ego ou marca persoal que engloba os seus traballos, os cales se moven entre a animación, a cerámica e a ilustración.

O Laúro é o seu segundo curtametraxe de animación como directora, actualmente en fase de preprodución.

Season

Giovanna Lopalco  |  7 min  |  Francia / Italia  |  2019  |  +12

Un cortexo de homes vestidos de branco segue a unha moza nunha estraña procesión. Nesta paisaxe escura, un mundo biolóxico en perpetuo movemento vai transformar o seu corpo.