Manu Viqueira
Manu Viqueira é un animador, creador e artista multimedia galego, afincado en A Coruña. Traballa como profesional independente (freelance), ofrecendo os seus servizos de dirección, creatividade, guion, animación, post-producción, efectos visuais e motion graphics para proxectos de contido musical, documental, televisivo e publicitario. Defínese como un artista disposto a mesturar estilos, técnicas e linguaxes visuais: colaxes fotográficas, animación 3D, material real, gráficos en movemento, efectos visuais… A súa filosofía creativa xoga coa superposición de capas e cunha estética híbrida, podendo modular entre a complexidade e o minimalismo segundo as necesidades de cada proxecto.
Ademais do seu labor como creador, Manu exerce como docente asociado no Grao de Animación e Videoxogos da Universidade da Coruña, impartindo asignaturas como guión e dirección de filmes de animación, contribuíndo así á formación de novas xeracións de animadores e animadoras galegas. Destaca especialmente no ámbito do videoclip, tendo traballado para Warner Music L.A. en producións de artistas internacionais como Robert Plant, Green Day ou Gary Clark Jr., así como para recoñecidos músicos do panorama estatal como Love of Lesbian, La Pegatina, Macaco, Soziedad Alkohólika ou La Polla Records.
Realizou animacións para numerosos documentais, entre eles No somos nada, dirixido por Javier Corcuera e seleccionado no Festival de San Sebastián 2021; Colección Mer (2025), de Pedro González; e La batalla desconocida (2017), de Paula Cons. No ámbito publicitario e corporativo, colaborou con marcas e entidades como Estrella Galicia, Leche Pascual, R, Cinfo, DepGames ou a Xunta de Galicia, así como con festivais como O Marisquiño, Hematofesti ou o Festival Imaxinaria. Tamén realizou numerosas pezas animadas para televisión, especialmente en programas de divulgación e documentais.
Manu Viqueira cultiva un estilo que combina a rebeldía simbólica da cultura punk e o compromiso social coas posibilidades expresivas da animación e da creación audiovisual. Esta mestura entre contido crítico, estética arriscada e versatilidade técnica convérteo nunha das voces máis dinámicas e versátiles da animación contemporánea galega e española. Neste 2026 prepara a longametraxe e a serie de ficción transmedia “Soños punkidélicos”, unha mestura de serie de animación musical electrónica e documental, centrada nun terapeuta que cura mesturando os soños dos seus pacientes.
- Xurado do Festival