MICHAEL DUDOK DE WIT (Holanda, 1953). Director, guionista e ilustrador, gañador dos premios máis importantes do audiovisual polos seus traballos de animación. Non en balde, a súa figura sitúase como un dos maiores referentes no mundo da animación a nivel mundial. En canto ás súas producións, estas destacan pola súa delicada e coidada factura, principal fundamento do seu estilo marcado pola nostalxia e a morriña.
Estudou gravado en Xenebra e animación en Farnham (Inglaterra), onde realizou a súa primeira película: The Interview (1978). Tras animar durante un ano en Barcelona, instalouse en Londres en 1980. Traballou como freelance en diferentes estudios, en particular coa produtora Richard Purdum Productions, na que dirixiu e animou numerosos anuncios premiados para televisión e cinema.
En 1992 creou a súa curtametraxe Tom Sweep (1992), á que lle seguiu The Monk and the Fish (O monxe e o peixe, 1994), producido polo estudio francés Folimage. Con este filme gañou o César á mellor curta de animación, ademais de lograr senlleiras nomeacións aos Premios Oscar e BAFTA. A súa curtametraxe máis coñecida, Father and Daughter (Pai e filla, 2000), gañou o Gran Premio de Annecy, un Oscar e un BAFTA. En 2004 termina a súa curtametraxe The Aroma of Tea (O aroma do té, 2004).
O seu debut como director de longametraxes contou co apoio de Isao Takahata, un dos fundadores do lendario Studio Ghibli (A viaxe de Chihiro, O meu veciño Totoro…), converténdose na primeira produción estranxeira do estudio. O resultado foi La tortue rouge (A tartaruga vermella, 2016), unha das cintas máis fermosas deste século, considerada unha obra mestra e xoia de animación de todos os tempos. O filme foi nomeado ao Oscar e gañou o Premio Especial “Un Certain Regard” no Festival de Cannes de 2016, así como numerosos premios internacionais.
PAI E FILLA
9 min | Países Baixos / Bélxica / UK | 2000 | 2D | Drama
Un home despídese da súa filla e parte cara outro lugar. Co tempo ela vai crecendo, forma unha familia e chega á vellez, pero no seu interior sempre hai un profundo anhelo polo seu pai.
A TARTARUGA VERMELLA
80 min | Francia / Bélxica /Xapón | 2016 | 2D CGI | Drama
Historia dun náufrago nunha illa tropical deserta, poboada de tartarugas, cangrexos e aves. A película conta as grandes etapas da vida dun ser humano.