Nuno Beato (Lisboa, 1977)é un director, guionista e produtor. En 1998 creou a compañía de animación Lampadacesa, na que dirixiu as súas primeiras curtametraxes Manos (2000) e Híssis (2003), entre outros traballos publicitarios. Tras esta experiencia, fundou a produtora Sardinha em Lata en 2007, desenvolvendo dende entón as súas novas producións. O primeiro traballo realizado nesta compañía foi a curtametraxe Mi vida en tus manos (2009), coa que logrou preto de 100 seleccións en festivais de todo o mundo.
Como produtor de Sardinha em Lata, realizou títulos clásicos da animación portuguesa como Os olhos do farol (2010) de Pedro Serrazina, Viagem a Cabo Verde (2010) de José Miguel Ribeiro e O sapateiro (2012), a primeira curtametraxe da David Doutel e Vasco Sá. Durante este anos tamén dirixiu a serie animada de televisión Ema & Gui (2010), exhibida en Portugal, España, Italia, Finlandia, Corea do Sur e Arxentina. Nos últimos tempos, a compañía aportou éxitos como A menina parada (2021) de Joana Toste, The Monkey (2021) de Xosé Manuel Zapata e Lorenzo Degl’Innocenti ou Degelo (2022) das debutantes Susana Miguel António e Filipa Gomes da Costa.
Combinou a súa faceta creativa coa docencia en diversas institucións portuguesas dende o ano 2002. Actualmente é profesor de animación na Universidade Lusófona (Lisboa), así como o responsable da materia de deseño no ISEC Lisboa, o Instituto Superior de Educação e Ciências.
Acaba de rematar a súa primeira longametraxe de animación Os Demónios do Meu Avô (Os demos de barro, 2022), unha coprodución portuguesa con Galicia e Francia. Esta produción estreouse mundialmente no Festival de animación de Annecy, seguida de novas seleccións por todo o mundo. Foi galardoada co Gran Premio á mellor longametraxe no festival Cinanima (Espinho), o Premio Especial do Xurado na Monstra (Lisboa), ademais de lograr a nomeación como mellor animación na última edición dos Premios Goya.